Dende o comezo da (mal chamada) crise económica cóntanse por miles os coruñeses que tiveron que emigra ó estranxeiro por mor dun sistema económico que non ofrece posibilidades de futuro e unhas institucións que permanecen impasibles ante a hemorraxia poboacional.
A emigracion é unha traxedia para as familias e as persoas que se ven obrigadas a emprendela involuntariamente. Tamén é unha traxedia demográfica e económica: Unha sociedade non se pode permitir perder á sua mocidade, especialmente cando esta é a xeración con maior nivel de formación. Malia esta traxedia, a estadía no estranxeiro sempre implica un proceso de aprendizaxe, de crecemento persoal e ás veces profesional, permite coñecer outras culturas e outros modelos económicos e sociais, así coma outras linguas.
O goberno municipal da Marea Atlántica vai supoñer un cambio de paradigma no modelo económico e social da Coruña, e vai conlevar a creación dunha morea de novas oportunidades de desenvolvemento profesional. Esta apertura do campo de oportunidades debe ir acompañado dun Plan de Retorno dos Exiliados Económicos, que se podería concretar en duas fases ou programas:
1. Programa aberto de axudas para retornados: Con subvencións para o aluguer de vivenda, asistencia na procura de traballo ou no emprendemento, a renda social municipal...
2. Unha procura activa de cidadáns emigrados cun alto perfil profesional e ampla experiencia laboral no estranxeiro, cuxo retorno poida implicar grandes posibilidades para o desenvolvemento económico local: Concesión de préstamos de baixo interse, cesión de espacios en propiedade do concello ou viveiro de empresas, asistencia burocrática... para o fomento da creación de startups de capital público-privado con especial incidencia no campo das novas tecnoloxías, TICs, o I+D+i nas enerxías alternativas...