O prazo de participación rematou o 2/04/2015
5
Presentada porAntónPérez Rodríguez
(Medida orixinaria do grupo de traballo de programa)

Proposta:

  1. NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. Os Concellos teñen que ser os primeiros defensores da nosa lingua; e queremos que o galego estea presente en todas as accións postas en marcha pola administración local, pero tamén nas contratadas ou apoiadas por esta, aínda cando se desenvolvan por empresas privadas, e nomeadamente canto esteamos a falar de accións, programas ou campañas dirixidas aos escolares e/ou desenvoltas nos centros educativos.Pensamos que o Concello ten que ser espello onde se mirar para a normalización do uso da nosa lingua, sen facer dela un uso ritual, senón dándolle presenza cotiá nas relacións coa cidadanía.
  2. CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL. A súa definición legal dinos que son“os órganos de consulta e participación dos sectores afectados na programación do ensino non universitario e na planificación dos centros escolares no ámbito municipal”.Nós queremos que este órgano gañe en presenza na vida ordinaria do Concello, que se lle dea visibilidade diante da Comunidade Educativa, e mesmo de toda a cidadanía, e que as súas conclusións sexan valoradas e utilizadas; e que iso implique a súa convocatoria ordinaria polo menos ao comezo e ao final de cada curso escolar, e a extraordinaria sempre que as circunstancias educativas do concello así o aconsellen.
  3. COORDINACIÓN ENTRE AS CONCELLERÍAS E CANLES DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ. É necesaria unha coordinación entre concellerías para realizar un traballo eficaz e efectivo, que evite duplicidades e que sexa completo.Obviamente, esta coordinación é precisa a todos os niveis, pero vólvese máis necesaria cando os destinatarios son todos os nenos e nenas do Concello, vivan onde vivan dentro do termo municipal; ou cando os temas que se tratan teñan unha forte compoñente de transversalidade, cal pode ser o caso da atención á diversidade funcional.E nesa coordinación entendemos que é necesario que o cidadán, ademais das súas posibilidades asociativas particulares, teña diferentes opcións organizadas de colaboración, expresión de opinión, e achegamento de ideas.Estas opción vémolas como especialmente importantes, novamente sen ánimo de ser exhaustivos, en áreas moi concretas e que darían lugar, ou potenciarían, á órganos do tipo de: Consello municipal de Normalización Lingüística. Consello municipal de Accesibilidade Consello municipal de Deportes Consello municipal de Transportes.Que neste punto falemos como cidadáns non quere dicir que abandonemos o ton xeral deste documento, que está conscientemente feito dende as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas do Ensino Público, o que quere dicir que sería a nosa intención estar presentes neses consellos municipais dun xeito diferenciado e permanente.
  4. DESEÑO DOS MAPAS ESCOLARES. O Concello debe traballar na actualización constante do mapa escolar, de xeito que poida anticiparse aos incrementos/diminucións da poboación escolar froito dos cambios demográficos, para adecuar á oferta de prazas á demanda das familias, posibilitando que todos os nenos e nenas teñan unha praza nun centro de ensino público, que se poida prever a ampliación de espazos e a modificación de uso dos xa existentes e mesmo que existan unha previsión baseada na experiencia e no estudo sobre as vacantes normalmente demandadas no medio do curso escolar.Neste eido, é moi importante evitar os “colexios refuxio” para determinadas problemáticas, se queremos que o ensino público reflicta a sociedade, para que os nenos e nenas poidan vivir nel do mesmo xeito que viven e vivirán fóra, en todos os colexios ten que haber todo tipo de nenas e nenos, e en todos deben incorporarse con normalidade á comunidade educativa.Da mesma maneira, é moi importante a normalización do alumnado na súa zona de influencia, así como que os colexios teñan as dimensións, espazos e servizos axeitados ás necesidades educativas internas; a confluencia de ámbalas dúas ideas será a construción de cantos centros sexan precisos para que todos os nenos habiten en colexios de similar tamaño e características, o que afondará na igualdade do ensino e da convivencia impartidos.E por suposto, o Concello debe ser o interlocutor coa administración autonómica para a ampliación e construción de novos centros cando así se requira.
  5. MANTEMENTO DOS CENTROS ESCOLARES. Os concellos deben ter elaborada unha avaliación das instalacións escolares que sexan da súa competencia, unha avaliación que dea lugar ao coñecemento das necesidades presentes, e ao adiantamento das necesidades futuras, e que traia como consecuencia a elaboración dun calendario de actuacións tendentes á conservación do centro en condicións dignas e saudábeis, así como á reclamación á Xunta de Galicia das actuacións que lle competan e que sexan precisas para esa conservación.Tamén é preciso que acometan, nos centros da súa competencia, o mantemento periódico das instalacións escolares que permita o seu correcto funcionamento ao longo de todo o ano, anticipándose ao deterioro mediante a prevención e a planificación das situacións cotiás derivadas da climatoloxía e o uso ordinarios, falamos de sistematizar as limpezas dos caneiros, o mantemento das zonas axardinadas, a pintura de fachadas e valados ou calquera outra actuación que poida ser planificada con antelación.Por suposto, deben tamén atender ao mantemento puntual de todas as deficiencias que xurdan no día a día, e esa atención debe estar organizada seguindo un procedemento claro, rápido e sinxelo, e que permita realizar un seguimento do proceso e da correcta reparación da avaría.Neste senso, reclamamos como un punto especialmente sensible, o tratamento dos parques infantís interiores dos colexios de infantil e primaria como se fosen parques públicos, cun mantemento sistemático e unha vixilancia constante.Entendemos como un punto destacable, que os concellos deben prestar atención prioritaria a aquelas avarías ou eivas que afecten á seguridade dos cativos e cativas, traballando non só na reparación das avarías que poidan xurdir, senón mesmo na erradicación das múltiples realidades existentes que impliquen un certo factor de risco, zonas esvaradías, pavimentos incorrectos, espazos non iluminados, elementos con risco de choque, diferenzas abruptas de nivel, etc.
  6. UTILIZACIÓN DOS CENTROS ESCOLARES. Os centros educativos, como institucións públicas, non deben permanecer en desuso fora do horario escolar e das actividades desenvolvidas polas ANPA;propoñemos que se establezan mecanismos e procedementos para promover e potenciar o seu uso, estendendo esta oferta ao resto da sociedade.Calquera colexio é un potencial contedor de actividades sociais, lúdicas ou deportivas, é un desperdicio que a súa utilización se limite ao período lectivo no canto de aproveitarmos deses espazos para o servizo de todos, o que tamén é unha maneira de potenciar a convivencia e a comunicación entre a veciñanza.Propomos que sexa a administración municipal quen dispoña e coordine a utilización dos centros educativos, previa modificación legal se fose necesario, e asumindo esta administración os custos íntegros de mantemento deses centros fóra do seu uso lectivo.Evidentemente, a utilización dun centro escolar para fins alternativos non pode resultar un obstáculo para o seu uso educativo; é precisa unha coordinación permanente e unha priorización constante a favor dese uso; pero consideramos que cabe simultanear diferentes utilidades no mesmo espazo para favorecer un mellor uso das dotacións públicas.Nesta liña demandamos a adecuación do horario habitual dos centros á actividade da comunidade educativa, nomeadamente no caso dos IES, nos que é oportuno que, os días da semana nos que haxa actividade lectiva de mañá e tarde, permanezan abertos ao mediodía.
  7. ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS.
    • Comedores escolares: Naqueles concellos que xestionen este servizo contratándoo a empresas de servizos, entendemos que debe existir pola súa parte un seguimento efectivo desas contratacións, unha vixilancia do cumprimento das condicións do contrato, e unha implicación directa no que atinxe a: Utilización de produtos de proximidade. Control de calidade e cantidade dos menús. Potenciación da aprendizaxe de hábitos saudábeis. Control da profesionalidade dos monitores-as Diminución dos rateos monitor/alumno ata 12 nenos-as / monitor-a no caso de nenos de ata seis anos, e 15 a partires de aí; con atención personalizada ás necesidades especiais. Elaboración dun proxecto educativo. Simplificación dos trámites de inscrición e comunicación familia-concello ou familia-empresa adxudicataria. Planificación dos espazos necesarios para que todos os nenos e nenas teñan unha praza de comedor nos seus centros escolares, eliminando quendas múltiples e instalacións non axeitadas.
    • Actividades extraescolares: Queremos que os Concellos se impliquen na programación de actividades extraescolares nos centros educativos, en horario non lectivo, ata as sete da tarde, e con carácter de permanencia e universalidade. Trátase de ofertar un catálogo amplo e non convencional de actividades durante as tardes dos días lectivos; non se trata unicamente de solucionar a problemática de conciliación da vida laboral e familiar, senón mesmo de programar e desenvolver actividades que promovan a seguridade cidadá, protección de incendios ou seguridade viaria, e mesmo de incluír outras centradas na integración e igualdade, dereitos sociais, coñecemento de institucións, concienciación ambiental, xestión de residuos, responsabilidade no ciclo da auga, aforro de enerxía…, sen abandonar as actividades culturais (teatro, música, tradición…), ou deportivas.
    • Actividades de conciliación en períodos non lectivos: Os concellos deberían ter unha oferta estable de actividades de conciliación durante todos os períodos de vacacións, Nadal, Entroido, Semana Santa e o Verán; unha oferta que permita ás familias manter o seu ritmo laboral, e que permita aos nenos e nenas gozardestes períodos nun ambiente de lecer.É fundamental que esta oferta exista, e tamén que se coñeza coa suficiente anticipación, debería ser parte dunha programación anual, estar situada en diferentes lugares do Concello para atender a toda a poboación; e debería ser única, coordinando a acción das diferentes concellerías para presentar unha oferta unificada.
  8. ATENCIÓN SOCIAL Á INFANCIA COORDINADA COS SERVIZOS EDUCATIVOS COMPLEMENTARIOS. Garantir a igualdade entre nenos e nenas implica entroutras accións, manter “invisibles” os medios que a fan efectiva, por iso pensamos que o labor social dos Concellos debe ter un capítulo económico diferenciado para que os nenos e nenas que proveñan de familias desfavorecidas, sexa pola causa que sexa, poidan incorporarse con naturalidade na vida educativa, sen ver entorpecida esa incorporación pola mala, ou atrasada, xestión dos fondos destinados a fins sociais. Por iso esiximos una política de bolsas eficaz, discreta e exenta de publicidade.Evidentemente, as anpas defendemos que os servizos educativos complementarios forman parte do ensino obrigatorio, e que en consecuencia deberan ser gratuítos para dar así cobertura á obriga constitucional do art. 27.3 da Norma Fundamental; e nesa liña pensamos que os Concellos deberían traballar no horizonte duns comedores gratuítos e universais, así como unhas actividades extraescolares do mesmo carácter.
  9. ACTIVIDADES CULTURAIS: AS ESCOLAS DE MÚSICA. Unha parte dos Concellos galegos teñen escolas de música; novamente a pretensión é que esas escolas non funcionen de costas ao resto da realidade social; as súas actividades deberían estar coordinadas cos centros educativos, tendo unha programación organizada a medio prazo que responda ás demandas dos veciños no senso de ofertar un contido de continuidade e de favorecer a aprendizaxe e o coñecemento da música entre os nosos nenos e nenas.
  10. EDUCACIÓN AMBIENTAL. É desexable que o día a día nas escolas sexa un modelo de boas prácticas respectuosas co medio ambiente, que favorezan o uso racional dos recursos, sempre limitados, e un estilo de vida saudable e sostible. A administración local debe pór ao servizo dos centros escolares, recursos, medios e persoal para facelo posible, a través de accións coordinadas cos propios centros.Nesta liña, queremos que dende a Administración local se utilicen espazos dispoñibles nos centros escolares, ou nas súas inmediacións, para dedicalos a horta, pequeno invernadoiro ou xardín, para o seu emprego como recurso educativo dos centros.E queremos tamén que os centros se doten con colectores para a separación de residuos, e para a compostaxe; e de fontes de auga potable que contribúan á redución dos residuos plásticos.Tamén consideramos interesante que esta mesma política de utilización de espazos públicos se aplique ao que agora se denominan “hortas urbanas”, ampliando a súa finalidade actual para incluír o seu valor educativo e formativo na organización de actividades extraescolares que aproveiten estes recursos como exemplificación do que pode ser unha utilización correcta da natureza.Demandamos tamén que se favoreza a realización de xestións co concello (matrícula en servizo de comedor, programas de conciliación..) a través da web, o que non só resulta moito máis acaído para moitas familias, senón que ao tempo reduce o emprego de papel e os desprazamentos innecesarios.
  11. ACCESIBILIDADE DAS DOTACIÓNS COMUNITARIAS. Os concellos deben elaborar un catálogo de actuacións tendente a conseguir unha total accesibilidade dos espazos de uso común, e falamos tanto dos puramente escolares ou deportivos, como das bibliotecas, centros socioculturais, tránsito urbano, etc.Pretendemos que as nosas cidades, vilas e pobos estean dotadas de ramplas, baños adaptados, sinais luminosas e acústicas, pictogramas, parques de xogo accesíbeis e elementos accesíbeis en todos os parques de xogo, e todos aqueles elementos que actúen en favor da inclusión; pero sobre todo queremos que exista unha conciencia pública sobre accesibilidade que condicione todas as actuacións da administración municipal tanto nas obras que faga como nas que autorice ou manteña, e por suposto que se complemente cunha planificación de mellora das infraestruturas existentes.
  12. A INTEGRACIÓN DA OFERTA FORMATIVA COA REALIDADE LABORAL E ECONÓMICA. Malia que nós entendemos a función do ensino público encamiñada á formación integral do individuo en cando persoa, sabemos que desa formación vai depender tamén non só a súa integración social, senón mesmo a súa futura capacitación laboral; por iso consideramos que cando o ensino xa está orientado á formación específica, nomeadamente no caso da formación profesional, é importante que a oferta que se realice dende os centros escolares estea organizada concordando coas demandas económicas e laborais da contorna, consideradas tanto dende o punto de vista do afianzamento e prestixio da tradición local, como dende unha futura inserción laboral en proximidade. Pensamos que é labor dos concellos a demanda ás autoridades educativas dunha oferta que contemple esas variables.
  13. DEPORTE E INSTALACIÓNS DEPORTIVAS. As ANPA defendemos que os concellos deben traballar na promoción do deporte de base, dun xeito coordinado cos centros escolares e introducindo transversalmente estas actividades dentro da programación de actividades extraescolares. Un deporte ao servizo da inclusión e a igualdade, que promova as relacións entre nenos e nenas, o compañeirismo, o traballo en equipo e a respectuosa competitividade saudable.Defendemos a necesidade dunha dotación adecuada das instalacións deportivas municipais (canastras, redes bolea, material deportivo..) que facilite a realización de deportes colectivos e individuais; e entendemos que esta dotación inclúe a reparación e mantemento dos pavillóns, a construción de novas instalacións naquelas zonas que non posúan dotación abonda, e tamén a súa utilización fóra dos períodos nos que non haxa actividade escolar ou competitiva.Parécenos de grande importancia a organización de actividades e eventos deportivos nos que poidan participar tamén nenos e nenas con diversidade funcional; rompendo a concepción da práctica do deporte encamiñada ao logro dunha marca persoal para devolvelo ao seu carácter de xogo colectivo.Nesta mesma liña, reclamamos nos concellos onde haxa piscinas municipais se amplíen as prazas destinadas a nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, e que nesas piscinas haxa monitores especializados para estes nenos-as, que teñan unha formación específica que lles forneza de ferramentas válidas para se comunicar con eles.
  14. ORGANIZACIÓN DO TRÁFICO. NOMEADAMENTE ENTRADA E SAÍDA DOS CENTROS ESCOLARES. Como concepto xeral, queremos que se incrementen as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, mellorando as condicións de acceso e a sinalización das existentes, e incrementando o control sobre o estacionamento nas mesmas.Tamén é importante que todos os discapacitados que o precisen dispoñan da tarxeta de estacionamento nestas prazas, independentemente da idade que teñan, porque no caso dos moi novos, non son eles pero si a súa familia quen precisa desta tarxeta.Pretendemos que os concellos teñan plans de tráfico adaptados ás realidades dos colexios, que regulen as necesidades de aparcadoiro e estacionamento, e o movemento de vehículos e persoas ás entradas e saídas dos nenos e nenas nos centros escolares.Para o anterior é preciso non só a reordenación dos espazos urbanos, senón a disposición de policía municipal, e mesmo a realización de campañas de concienciación para fomentar o tráfico peonil.
  15. CIDADE INFORMADA. Os veciños temos dereito á información, é peza fundamental na programación da vida cidadá; pouco importa o que se faga se a veciñanza non é consciente do que se está a facer.Por iso demandamos que a administración municipal dedique esforzos e tempo á información, para que os veciños dispoñamos dunha ferramenta de doado acceso e constantemente actualizada, un único portal, onde poder coñecer todo o que está a ocorrer na nosa vida diaria, independentemente de quen sexa a administración ou empresa que estea actuando.
  16. CIDADE EDUCADORA. E rematamos cunha proposta dentro da que cabe todo o que se dixo, e que podería tranquilamente estar no primeiro lugar das nosas proposicións; porque entendemos que a cidade, ou o pobo, debe entenderse como recurso educativo ao servizo dos veciños, nomeadamente dos cativos e cativas, e isto concretámolo en facer unha contorna: Inclusiva: accesibilidade física (ramplas, beirarrúas anchas, zonas de paso para peóns, consideración das necesidades dos carriños, cadeiras de rodas, parques infantís adaptados...), visual (pictogramas, sinais luminosos...), auditiva (coa axuda de sinais acústicas indicativas de paso, e coa integración de sistemas de conexión nos espazos públicos para as persoas que utilicen próteses auditivas ...) Cidade sostible: como aquela que recupera e potencia a vida dos seus habitantes favorecendo o respecto da contorna natural, a cohesión social, e educación para a paz e a integración cultural. Cidade democrática: establecendo procedementos e canles de participación cidadá dun xeito permanente e organizado. Cidade dos nenos e nenas: recuperando o espazo público para os cativos e cativas e facilitando a súa integración na sociedade. Podemos poñer varios exemplos do que entendemos por unha política neste eido: accións como os programas “camiñando ao colexio”, promovendo os itinerarios seguros aos centros escolares que favorezan o desprazamento autónomo a pé. Programas que favorezan as relacións interxeracionais, entre as persoas maiores e os máis novos, potenciando a presenza duns no espazo cotián dos outros e promovendo a aprendizaxe mutua. Posta en valor do patrimonio cultural e das actuacións municipais sobre deste: trátase de considerar aos nenos e nenas dos centros públicos de ensino como os primeiros usuarios de toda a actividade cultural do concello, favorecendo a información aos colexios e facilitando a presenza dos escolares.

Gústache esta medida para Coruña? Compártea!

1
Comentario dejose castro quian
Moi de acordo con todos os puntos da proposta. Eu incidiría na importancia do fomento da creatividade do alumnado a través das actividades extraescolares, programando en coordinación coas ANPAS actividades relacionadas coa música, as artes plásticas e visuais e as artes escénicas.
1
Comentario deAntónPérez Rodríguez
proposta moi completa na que se pretende contemplar tódalas partes inplicadas no proceso educativo e todolos aspectos máis relevantes nos que o labor dos Concellos é moi importante PROPOSTA COMPLETA E GLOBAL FEITA POLAS ANPAS DOS COLEXIOS. -

Para que serve esta web?

Para que a cidadanía da Coruña poida contribuír ao programa da Marea Atlántica. Calquera persoa que se rexistre pode presentar aquí a súa proposta, así como debater, valorar, comentar e suxerir melloras a aquelas propostas publicadas.

Como saberemos cales son as propostas mellor valoradas?

Unha vez que te rexistres verás que cada poroposta ten dous botóns “A favor” e “En contra”. É moi importante que establezas desta maneira que propostas apoias e cales non che gustan. Deste xeito os contidos filtraránse e poderemos ver o que resulta máis importante para toda a xente que participa neste espazo.

Por que algunhas propostas teñen o logo da Marea Atlántica?

Son propostas que se traballaron nos últimos meses desde o “equipo de programa” xunto coa cidadanía da Coruña, entidades sociais, equipos técnicos, … Ao ser propostas con un certo traballo detrás pensamos que deben ter unha marca que as identifique.

Borrades propostas ou comentarios?

Isto non é un foro de debate xenérico, é unha plataforma de discusión e elaboración de propostas para mellorar a nosa cidade.
Un equipo con varias persoas adícanse á moderar e coidar o bo funcionamento da plataforma. Eliminaranse os envíos que consideremos troleo ou que conteñan insultos.

Consulta outras medidas na mesma categoría: educacion-ciencia

25
18
12
11
7
6
6
5
5
6
25
18
11
6
12
7
5
7
12
6
6
11
18
25
25
18
12
11
7
6
6
5